lunes 17/5/21

Das posturas absurdas

Observar a realidade cada día arrastra unha sorte de sorpresa repetida. É descubrir   a comisión excesiva de  erros non forzados que, de tanto caer neles,  provocarán  indefectiblemente a perda do partido. E ademais ata roza o absurdo e o ridículo pola falla de estratexia e de medida na xestión das tomas de posición. Esta vez sucedeu no Congreso e na aprobación do decreto das medidas para facilitar a xestión dos fondos europeos. O PP votou en contra e tan só a abstención de Vox facilitou a superación do trámite. O discurso estaba feito. Espinosa dos Monteros di que o interese de España e dos españois é que os fondos cheguen canto antes para resolver problemas. Polo tanto, é evidente que o interese do PP é outro que nada que ver co que lle importe ou beneficie ao país e a súas xentes. O PP comete outro erro de primeiro de estratexia. Non é de recibo que novamente Casado deixe de estar no apoio dunha medida nun tema transcendental para a recuperación económica de España. Ás veces parecera que lles deseñara  as tomas de posición o inimigo e por iso resulta todo tan absurdo. O evidente é que  houbo un intercambio de roles e a conxugación da responsabilidade estivo neste caso, do lado dos de Abascal, mentres que Casado perde o paso e a posición, e agora ten que pasar polo momento ridículo de explicar o inexplicable facendo o dobre de esforzo e sen conseguilo en absoluto. Despois do famoso non hai vacina por culpa de Sánchez, chegan agora estas novas entregas que ameazan con xerar novas réplicas, aínda máis ridículas e máis absurdas.

Convocarte non precisa de memoria -dixo El- nin de esforzo de evocación  ou de incidencia incisiva de ferida. Non hai eternidade maior que ser contigo  arxila ou choiva, acaso simplemente un fragmento de luz..

Comentarios