lunes 17/5/21

A carioca que morde a cola

Sabemos que, na cociña galega, unha das formas máis tradicionais de preparar a carioca é mordéndose a cola, co que queda formando unha divertida e moi apetecible circunferencia. Porén, a imaxe culinaria deste peixe fritido ten unha dimensión metafórica que aborda esa reviravolta sen saída que representa ese círculo de idas e retornos no que non se olla a saída. Velaí o que está a suceder en relación ao efecto acelerado dun dos problemas causados polo cambio climático, documentado no estudio que vén de publicar unha prestixiosa universidade británica: Estamos a perder xeo a un ritmo récord, isto non só supón o aumento do mar, senón a perda de máis xeo, como unha carioca que se morde a cola.

Evidencia de que aquí chove sobre mollado nunha das máis importantes pandemias ás que se enfronta o xénero humano que habita este singular planeta que chamamos a Terra no que o desafío do quecemento global e o cambio climático no é único, senón que suma á problemática da crise sanitaria, económica e social provocada pola epidemia do contaxio vírico; á redución da contaminación, ligada á economía circular, a sustentabilidade e a transición cara a enerxías limpas e renovables; o cambio demográfico, a diversidade cultural en choque coa uniformidade; as migracións masivas e as consecuentes crises de refuxiados; as tensións do desequilibrio na orde política internacional; a automatización; a crecente desigualdade e disparidade das rendas e a distribución da riqueza; así como outras crisis globais e pestes estruturais que afectan historicamente á humanidade: a pobreza, a fame, a guerra, o odio racial, a xenofobia, as ideoloxías e políticas excluíntes, a violencia contra as mulleres e moitas outras que conforman un catálogo de miles de páxinas de inxustiza e desigualdade.

Aínda así, a perda de grandes bloques de xeo ártico crea un labirinto no que á par do crecente aumento da temperatura oceánica suma máis e máis masas de auga coa consecuencia de inundacións do espazo territorial costeiro e, ollo a isto, a imposibilidade de reflectir a luz solar que se traduce en máis calor para o mar. Isto non se arranxa cunha máquina xigante de facer cubos de xeo. É prioridade nas políticas medioambientais. A boa nova di que a cidadanía mundial toma máis conciencia sobre este gravísimo problema. Agardamos da sensibilidade portuguesa na súa presidencia de quenda europea. Aprema saír da espiral.

Comentarios